Comarcas

@carmelasilva chama a participar na folga feminista do 8 de marzo

A presidenta da Deputación de Pontevedra adiantou algunha das actuacións que o goberno provincial vai impulsar de cara ao vindeiro 8 de marzo. “Como muller que cree profundamente na igualdade, que xa non ten marcha atrás, fago un chamamento para quentar motores de cara ao 8 de marzo, para que sexa, de novo, unha proba da forza das mulleres”, asegurou Carmela Silva.

Silva asegurou que  o 1 de marzo, instalarase tanto no Pazo Provincial como na sede de Vigo da Deputación, grandes pancartas para animar ás mulleres da provincia a participar na folga feminista de 24 horas.

O obxectivo é que “todas saian ás rúas pacificamente, co pensamento, coa palabra, que é o que facemos as mulleres cando pedimos a igualdade”. Carmela Silva informou de que “tanto eu como todas as deputadas provinciais e as mulleres do meu gabinete participaremos”. Neste contexto, a presidenta tamén animou ás funcionarias da Deputación a que se sumen á folga e baleiren os despachos da institución.

Silva pediu que fose así “para reivindicar todas xuntas, máis nestes momentos que vivimos onde hai partidos políticos, as tres dereitas, que propoñen cousas como suprimir a lei contra a violencia de xénero, volver á lei do aborto do 85 e moitas máis barbaridades ás que as mulleres lles temos que poñer freo”.

Amais da folga á que se sumarán as mulleres do goberno provincial, a presidenta adiantou que se lerá un manifesto nas escalinatas exteriores do Pazo provincial e “participaremos en todas as manifestacións que se organicen”.

También te puede interesar