O concelleiro de Marea de Vigo, Xosé Lois Jácome, cualifica de “indecente e absolutamente incoherente» a actitude do alcalde cando, sendo coñecedor do ERE que Vodafone pretende aplicar no conxunto do Estado, no que deixaría na rúa a un total de 1200 persoas, 32 en Vigo, priorice reunirse coa empresa que coa representación sindical, para, posteriormente, anunciar un fito que «colocará a Vigo no punto de mira e atención de toda Europa».
A xuízo de Jácome, “o que si semella estar liderando Vigo son os múltiples conflitos laborais e EREs sen ningún tipo de reacción por parte dun Goberno local que se define como socialista”.
«Non chegando con isto, di o alcalde que vai pedir axudas ao Ministerio para estar dous anos e medio co proxecto. Isto é un insulto, que unha empresa que pretende deixar na rúa a 1.200 persoas reciba axuda económica que, en definitiva, ven dos mesmos petos do persoal que a empresa vai despedir».
Por todo isto, Marea de Vigo esixe ao Goberno municipal que «defenda os intereses da súa veciñanza, que tamén son os desas 32 familias, e poña condicionantes estritos ás empresas, condicionantes que pasan, como mínimo, polo mantemento e mellora do emprego”.