Comarcas Galicia

#FameDeExperiencias proposta de @depo_es para promocionar o turismo de Pontevedra este 2019

Carmela Silva, xunto ao deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, e ao chef Pepe Solla, deron a coñecer esta mañá as liñas mestras de “Fame de Experiencias”, a campaña turística que este ano promoverá a provincia de Pontevedra e terá como pistoletazo de saída a Feira Internacional de Turismo, Fitur, en Madrid. 

A presidenta da Deputacion, que adiantou que a presentación da campaña en Fitur terá lugar o 24 de xaneiro ao mediodía, será “unha homenaxe a todas as persoas que integran a cadea de valor da enogastronomía a través dunha presentación  sorprendente, innovadora, creativa, moderna e orixinal, rachará tópicos para deixar a todas as persoas con Fame de Experiencias”.

Segundo explicou, “Fame de experiencias” é “a solución a esa nova necesidade que temos de vivir experiencias únicas que nos sorprendan e que nos atrapen, e precisamente iso buscamos: que as persoas regresen, que todas as persoas ao ver a campaña sintan a necesidade de saciar a súa fama de experiencias vindo ata a provincia”.

A campaña integrará todo o territorio provincial, interior e costeiro, dando a coñecer que a provincia de Pontevedra “é un paraíso que alimenta os cinco sentidos con paisaxes, aromas, texturas, sons e sabores, que somos un destino multiexperiencial que combina a excelencia coa innovación, coa sustentabilidade dun territorio no que as persoas son parte indispensable das experiencias inesgotables que queremos ofrecer”.

Durante a presentación dos eixos de promoción turística deste 2019 proxectouse un vídeo de avance da acción que se levará a cabo en Fitur . Carmela Silva explicou que o vídeo está centrado en historias de persoas, seguindo a liña da campaña do ano pasado “Somos historias”. En concreto as historias que recolle a campaña son de produtoras e produtores que compoñen a cadea de valor que hai detrás da gastronomía da provincia de Pontevedra.

Neste eido incidiu Pepe Solla, quen enxalzou que a campaña “está protagonizada por persoas reais, non por actores nin actrices, senón por produtoras e produtores, pola xente que está detrás e non se ve, polas persoas que dan valor á cociña galega”. Así, o chef pontevedrés incidiu en que “o que fai grande a cociña galega son os produtos, son as produtoras e os produtores, e esta campaña pon o acento nelas e neles”.

 

También te puede interesar