A Deputación de Pontevedra, a través do programa Practicum Depo, ten permitido dende 2016 que preto de 300 alumnas e alumnos da FP da provincia realicen estadías laborais por toda Europa.
O alumnado puido así afondar en aspectos relacionados cos seus estudos, así como achegarse ao mundo laboral a través de prácticas laborais en empresas e institucións estranxeiras. A eles e elas súmanse outros 100 estudantes universitarios logo do convenio asinado entre Deputación e Universidade de Vigo para a promoción da mobilidade do seu alumnado con apoio de axudas complementarias aos programas de intercambio internacionais Erasmus+, Erasmus+ Prácticas e bolsas propias de intercambio.
A presidenta provincial Carmela Silva salientou este domingo “o enorme éxito que está resultando este programa, que se ten convertido nunha aposta máis desta nova Deputación polo fomento do emprego e da formación, sobre todo entre a xente máis nova da provincia”.
Durante estes tres cursos, dende o ano 2016, con esta iniciativa do Practicum Depo tamén se teñen beneficiado 32 profesoras e profesoras da provincia, que puideron realizar tarefas de “job shadowing”, é dicir, visitas a empresas para aprender os métodos e procedementos que realizan noutros países da Unión Europea. Entre alumnado e profesorado, todos e todas completaron a súa formación en países moi diversos, como Reino Unido, Irlanda, Italia, Malta, Países Baixos, Finlandia, Alemaña ou Polonia. Prevese ademais a incorporación de novos países como Suecia, Noruega, Dinamarca, Eslovaquia, Chipre ou Francia.
Dende 2016 puxéronse en marcha tres edicións do programa Practicum Depo. Cada unha delas tivo unha duración de 24 meses e o orzamento total acumulado foi de case 2 millóns de euros. En 2016 movéronse 101 estudantes e 5 docentes, en 2017 81 alumnas e alumnos e 12 docentes, e finalmente en 2018, 105 estudantes e 15 docentes.
As materias nas que teñen traballado os e as beneficiarias do Practicum Depo tamén resultan moi diversas. Entre outras: xestión administrativa e comercial, atención a persoas en situación de dependencia, aproveitamento e conservación do medio natural, instalacións de telecomunicacións, farmacia e parafarmacia, sistemas informáticos e redes, preinmpresión dixital, instalacións eléctricas e automáticas ou navegación.