Galicia Vigo al minuto

Os traballadores de Povisa denuncian que a clínica privada quere un convenio para “precarizar as condicións dos futuros empregados”

A dirección da clínica privada Povisa anuncioulle este venres ao comité de empresa, segundo indicaron os membros do mesmo, a súa intención de “negociar un novo convenio colectivo que reduza os salarios dos traballadores que se incorporen ao centro sanitario no futuro”.

Dende a CIG anunciaron hoxe na rolda de prensa que se oporá a calquera intento de precarizar aínda máis as condicións laborais do cadro de persoal e que fará o que sexa necesario para evitalo.

A razón esgrimida pola dirección de Povisa é que os empregados vigueses cobran máis que o persoal doutros hospitais privados, situación que ao seu xuízo “non se pode manter”. A voceira da CIG, María Xesús Neira, rexeitou este argumento e anunciou que se oporán a calquera intento da empresa de rebaixar os soldos.

Os plans da compañía fóronlle trasladados ao comité hoxe mesmo no transcurso da xuntanza mantida coa xerente e co director xeral para abordar o recente acordo entre Povisa e o Servizo Galego de Saúde (Sergas), que segundo a empresa permitirá retirar o preconcurso de acredores anunciado recentemente.

Neste senso, denunciou que “o cadro de persoal vai quedar fóra deste acordo”, xa que a súa situación laboral non só non vai mellorar senón que vai empeorar. “Van ter o seu concerto, que non vai ser tan malo e que lles vai permitir obter beneficios, mentres nós imos estar máis precarizados”. Ao mesmo tempo, amosou a súa preocupación pola posibilidade de que finalmente se poidan producir despedimentos, xa que “ninguén nos asegura o contrario”.

You may also like