Cultura Vigo al minuto

A metade das persoas que cobran a Risga na provincia de Pontevedra son viguesas

Vigo concentra o 50 por cento dos perceptores da Renda de Inclusión Social (Risga) da provincia de Pontevedra: 2.383 beneficiarios en nómina segundo os últimos datos correspondentes ao mes de novembro -26.583 nóminas expedidas no acumulado do ano-, difundidos este luns polo Goberno galego.

Esta porcentaxe supera o 23,5 por cento no conxunto de Galicia e o “importe destinado pola Administración autonómica a esta prestación e ás Axudas de Inclusión Social na cidade supera no devandito período os 11,5 millóns de euros”. Cifra, esta última á que, segundo a Xunta, habería que sumar os 512.501€ que se destinan ás Axudas de Inclusión Social (AIS), cun total de 569 concedidas no acumulado ata novembro.

Atendendo a este mesmo período, na área territorial de Vigo a contía supera os 14 millóns no caso da Risga e os 651.391€ no caso do AIS, dacordo cos mesmos datos. Dende o Goberno galego saliéntase que  “pese a que Vigo representa unha terceira parte da poboación da provincia absorbe preto de cinco de cada dez euros destinados pola Consellería de Política Social á Renda autonómica de Inclusión Social”.

En canto aos tempos de tramitación, dende a Xunta asegúrase que a administración galega  “segue a axilizar ao máximo os prazos de resolución desta prestación, en cuxa tramitación interveñen os solicitantes, os concellos e, por último, o Goberno galego” mentres, por contra, engaden dende a Administración autonómica, “o de Vigo é o concello da área que máis tarda en enviar os expedientes da Risga á Administración autonómica, superando os cinco meses e medio”.

Dende a Xunta lamentan que “lonxe de corrixir esta situación, o reforzo de persoal para os Servizos Sociais aprobado no marco do Plan Concertado, no que o Concello de Vigo resultou beneficiado con 15 traballadores máis (11 en 2016 e 4 en 2017), non se deixara notar en positivo” e o Goberno de Galicia insiste en que “a política social neste ámbito debe ser unha prioridade para o Concello”.

También te puede interesar