Comarcas

O Concello de Tomiño invita á cidadanía a poñerlle nome á nova avenida que rodeará o núcleo do Seixo

Por votación popular das ideas propostas pola propia cidadanía. Así se lle porá nome á nova avenida de Tomiño, unha vía que rodeará o núcleo do Seixo e que permitirá eliminar o tráfico de paso polo centro urbano da vila.

O Concello vén de poñer en marcha a campaña ‘Ponlle nome!’, un proceso participativo a través do que se invita a toda a cidadanía tomiñesa a colaborar no bautismo desta nova estrada.

Estamos convencidos de que esta infraestrutura vai ser unha mellora para todas as persoas que viven en Tomiño e parecíanos fundamental achegala á cidadanía e implicar aos veciños e veciñas no que vai supoñer para o municipio. Queremos que os tomiñeses e tomiñesas sintan esta infraestrutura como algo propio, incluso decidindo o nome que vai levar”, explica Sandra González, alcaldesa de Tomiño.

A fase de recepción de propostas arranca este 7 de decembro coa instalación de dúas caixas (no mercado municipal de Tomiño e na Casa Consistorial) nos que todas as persoas interesadas poderán facer chegar as súas ideas de forma presencial. Por outro lado, na web do concello habilitarase un espazo para poder enviar estas propostas de forma online. A cidadanía terá ata o vindeiro 15 de xaneiro de 2019 para enviar todas as suxestións para o nomeamento da rúa. Unha vez pechado o prazo de recepción, un tribunal composto por persoas expertas analizarán as propostas recibidas e farán unha selección daquelas ideas que cumpran criterios como respecto ou orixinalidade, entre outros.

Período de votación

O vindeiro 21 de xaneiro de 2019 abrirase o prazo de votación popular para que a cidadanía complete o proceso de elección non soamente facendo propostas, senón tamén escollendo a súa favorita entre todas as ideas presentadas. Todos os tomiñeses e tomiñesas poderán depositar o seu voto novamente de forma presencial nunha caixa instalada para tal fin nas dependencias do mercado municipal e da Casa do Concello ou facelo de forma online a través do espazo dedicado a esta iniciativa na web municipal. Os veciños e veciñas poderán votar ata o 28 de febreiro de 2019.

También te puede interesar