Galicia Vigo al minuto

@En_Marea esixe ao Goberno que instale as pantallas anti-ruido na AP-9 á altura de Teis

A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para esixirlle ao Ministerio de Fomento que proceda á instalación urxente das medidas correctoras anti ruido na entrada da AP-9 en Vigo, á altura de Teis.

Fernández lembra que “os veciños e veciñas de Teis levan anos demandando medidas debido ao grande impacto acústico que causa a autoestrada ao seu paso por esta zona”. De feito, figura en diversos estudos como unha das áreas de maior contaminación acústica do Estado. Afecta a moitas persoas posto que estamos a falar de áreas de importante peso poboacional.

A deputada explica que o Ministerio de Fomento incluiu medidas anti ruido na Segunda Fase do Plan Nacional de Acción contra o Ruido, iniciativa que foi esperanzadora para os veciños e veciñas. “Mais, o tempo pasou e seguen igual. Os habitantes de Teis teñen que continuar a convivir co constante ruido do paso dos coches a toda velocidade. Circunstancia que interfire de xeito agresivo na calidade de vida, na saúde e na convivencia normal. Non poden continuar á espera dunhas medidas que non dan chegado”.

Non se pode agardar máis

Alexandra Fernández sinala que o Consello de Ministros do pasado 26 de outubro aprobou o Real Decreto polo que se aproba a adenda ao Convenio entre a Administración Xeral do Estado e Autoestradas do Atlántico, concesionaria, polo que se modifican determinados termos da concesión para a construción, conservación e explotación da AP-9, en cuxa adenda contémplase adoptar medidas para “a redución do ruido sen concretar nin especificar nada”.

También te puede interesar