Galicia Vigo al día

Persoal dos PAC rexistra case 3.000 sinaturas de usuarios en apoio das súas reivindicacións

Imaxes: Paula Crespo/Unha representación do persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) galegos rexistrou hoxe na sede do Sergas en Vigo preto de 3.000 sinaturas recollidas entre usuarios destes centros nas distintas áreas sanitarias do país en apoio das súas reivindicacións. O colectivo, que reclama melloras asistenciais e laborais, anunciou a convocatoria de novas xornadas de folga todos os martes, venres e domingos entre o 23 de novembro e o 17 de decembro.

Os traballadores dos PAC lembran que a súa prioridade é resolver os problemas asistenciais que afectan a pacientes e usuarios, e que para iso é preciso que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) organice a xornada aplicando con neutralidade os criterios do pacto de permisos e incapacidade temporal (IT) e diferenciando a xornada obrigatoria e a complementaria no calendario anual. Ademais, as horas que exceden a xornada obrigatoria anual constan no calendario sen diferenciación ningunha, cando equivalen a horas extra e teñen condición voluntaria.

Para rematar, indican que continuarán na procura das condicións de traballo e retributivas “mínimas” do resto de colectivos da sanidade pública en Galicia. Unha loita que xa motivou múltiples demandas xudiciais e incluíu varias xornadas de folga e mobilizacións.

 

También te puede interesar