RGPD - Cookies
Cultura Galicia

Sofía e Martín os nomes máis frecuentes das nenas e nenos que nacen en Galicia

O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar a ‘Estatística de nomes dos neonatos galegos’ correspondente ao ano 2017, que reflicte que ‘Sofía’ e ‘Martín’ continúan sendo os nomes máis frecuentes das nenas e nenos nados en Galicia. Ademais, como novidade destaca que ‘Lucas’ substitúe a ‘Mateo’ como o segundo nome máis frecuente entre os nenos.

Os nomes de mulleres máis frecuentes son ‘Sofía’, ‘Noa’, ‘Daniela’, ‘Martina’ e ‘Sara’. Se se compara co 2016, ‘Alba’ desaparece da lista dos cinco primeiros nomes máis empregados e é substituído por ‘Daniela’. Pola contra, se se establece unha comparativa co ano 2007, ‘Noa’ e ‘Sara’ son os únicos que coinciden entre os cinco primeiros.

En canto aos nomes masculinos, a estatística mostra que os cinco nomes máis frecuentes son ‘Martín’, ‘Lucas’, ‘Mateo’, ‘Hugo’ e ‘Leo’. A mesma comparativa co 2016 mostra que o ano pasado ‘Pablo’ desaparece de entre os cinco nomes máis frecuentes e aparece ‘Leo’. Con respecto ao 2007, o único nome que coincide é ‘Hugo’.

Por outra banda, se se amplía a mostra e se teñen en conta os 20 primeiros nomes, pódese ver como entre 2016 e 2017, no caso dos nenos todos os nomes coinciden agás o nome de ‘Anxo’ que no 2017 é substituído por ‘Antón’. En canto ás nenas, no 2017 suben á lista ‘Iria’ e ‘Sabela’ –que estaban xa presentes no 2015- e desaparecen ‘Lía’ e María’. Ademais, na actualidade medra a tendencia a empregar nomes galegos tanto para as nenas (‘Noa’, ‘Uxía’, ‘Antía’ ou ‘Sabela’) como para os nenos (‘Brais’, ‘Antón’ ou ‘Iago’).

También te puede interesar