Galicia Vigo al minuto

Vigo perdeu 2.600 empregos no pasado trimestre, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA)

Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) referidos ao terceiro trimestre do presente ano son, no referido a Vigo, “pésimos e inmensamente preocupantes”, segundo subliña o candidato do BNG á Alcaldía, Xabier P. Igrexas, que urxiu a poñer en marcha un plan de choque en materia de emprego e industrialización.

Segundo a estatística oficial, na cidade destruíronse 2.600 postos de traballo en relación ao anterior trimestre, e son xa 9.300 empregos menos que na mesma altura do ano 2009, tal e como recollen as cifras de poboación ocupada.

Para o Bloque resulta especialmente preocupante que só nos tres últimos tres meses se destruíran 1.000 empregos nas actividades industriais e outros 300 no sector da construción. En total, nos últimos nove anos, a serie histórica recolle que a industria viguesa perdeu 8.200 postos de traballo, e a construción 2.200.

Neste sentido, o BNG advirte de que a redución en 1.300 persoas paradas no último trimestre non se corresponde –tal e como recolle a propia EPA– coa creación de emprego e alerta do aumento da poboación inactiva, que engadiu 4.100 persoas só no último trimestre. “Pode que as enquisas reflictan que hai menos xente parada, pero o importante e grave é que hai moita menos xente traballando que antes”, contrapoñen.

“Son datos dunha gravidade extrema que volven confirmar que o desemprego está a cronificarse na nosa cidade e que a desertización industrial avanza a toda velocidade, o que inviabiliza unha recuperación económica real, e seguirá a agudizar o crecente empobrecemento social”, conclúe.

También te puede interesar