Cultura Destacados

O Goberno de Galicia abre o prazo para solicitar axudas para a promoción da autonomía persoal de persoas con discapacidade

A Xunta ten aberta a inscrición para os 'Campamentos para persoas con discapacidade'

A Xunta abriu este sábado, día 20 e durante un mes, o prazo de solicitude das axudas para a promoción da autonomía persoal de persoas con discapacidade. Destínanse a ela máis de 375.000€, o que supón un incremento de preto do 20%, segundo indican dende a administración galega. Esta convocatoria está cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo (FSE) a través do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

A través desta orde, subvenciónanse servizos necesarios para garantir que as persoas con discapacidade poidan levar unha vida o máis autónoma posible, como por exemplo asistencia persoal, servizos de rehabilitación ou de estimulación, atención temperá ou transporte adaptado e asistido. Poderán ser obxecto de financiamento para esta convocatoria as actuacións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro da actual anualidade.

Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas que reúnan os seguintes requisitos: residir en Galicia, ter recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% e dispoñer dunha renda per cápita da unidade familiar de convivencia que non supere o 300% do Iprem mensual. Así mesmo, será condición indispensable para poder optar á axuda que a entidade, profesional ou persoa autónoma que preste o servizo figure inscrita no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (Ruepss) ou nun rexistro equivalente no resto de España.

También te puede interesar