Sin sección

35 concellos galegos poderán benefiarse dun investimento de 18 millóns para accións de rehabilitación integral

O presidente do Goberno de Galicia adiantou este xoves a aprobación dun investimento de 18 millóns de euros, entre Xunta e o Ministerio de Fomento, para levar a cabo accións en áreas de rehabilitación integral en 35 concellos galegos, o que supón un incremento de máis do 43% con respecto á contía da convocatoria do pasado ano.

O presidente Feijóo asegurou que co acordo acadado entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS ) e estes 35 municipios, a Consellería de Medio Ambiente e os concellos solicitantes poderán asinar o convenio que permite o inicio dos traballos de rehabilitación en vivendas e espazos públicos.

Así mesmo, entre os requisitos para poder beneficiarse destas axudas atópanse: ter unha ou máis Áreas de Rehabilitación Integral declaradas; e solicitar estas axudas despois de que a Xunta abrise o prazo o pasado 17 de agosto.

Os gastos que se poden financiar con estas axudas son: a execución conxunta de obras de rehabilitación en edificios e vivendas, incluídas as vivendas unifamiliares; as actuacións previstas para os programas de Fomento, tanto as de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade, como as de mellora da seguridade de utilización e de accesibilidade en vivendas; execución de obras de urbanización e reurbanización de espazos públicos; execución de obras de demolición e edificación de vivendas de nova construción; o custo do realoxo temporal de ocupantes da súa vivenda habitual, froito das actuacións que se realizan; e os gastos de mantemento de equipos técnicos e oficinas de información e xestión municipais.

Logo de lembrar que máis do 40% dos concellos galegos contan, polo menos, cunha área de rehabilitación, Feijóo subliñou que se se suman as convocatorias de anos anteriores, os municipios dispoñen para as súas áreas de rehabilitación integral un montante total de 38 millóns de euros: 18 millóns de euros correspondentes a esta convocatoria; máis de 12,5 millóns de euros correspondentes aos convenios asinados en 2017; e máis de 7 millóns de euros correspondentes aos convenios asinados en 2015 .

También te puede interesar