Galicia

Veciños de Teis e Chapela denuncian que non hai data algunha para eliminar a peaxe de Rande

Este xoves pola mañá unha representación das Asociacións Veciñais de Teis e Chapela, mantivo en Pontevedra, unha xuntanza coa Subdelegada do Goberno, o xefe territorial e o xefe provincial de estradas, ambos do Ministerio de Fomento.

Na reunión os respresentantes veciñais expuxeron as súas reivindicacións: eliminación da peaxe no tramo Rande-Vigo, conversión da autoestrada AP-9 en urbana desde Padín ao centro con acesos e  medidas contra o ruído. Tamén comentamos a solicitude feita este pasado martes ao Ministerio de Fomento, da convocatoria da comisión de seguimento da AP-9.

“A Subdelegada do Goberno manifestou que en relación ao anuncio da eliminación da peaxe de Rande,  polo anterior Ministro de Fomento, só fora unha declaración e que non houberá xestións e  tampouco concretou ningunha data para a eliminación da peaxe”, sinalan dende as asociacións.

En relación a conversión en vía urbana da autoestrada desde Padín ao centro da cidade, o Ministerio está realizando un estudo de tráfico, para coñecero impacto desta medida e as alternativas.

“Temos que denunciar o engano do anterior goberno central de Mariano Rajoy que non cumpriu o anuncio feito polo anterior Ministro de Fomento. Tampouco observamos do actual goberno central vontade política por atender as reivindicacións, pois non hai avanzo nin prazos, como comprobamos na xuntanza celebrada onte”, subliñan os representantes dos veciños.

Os mesmos lembran que o vindeiro sábado, día 29, unha manifestación que empezará ás 7 da tarde dende Padín, en Tei, esixirá a eliminación da peaxe no tramo Rande-Vigo, a conversión da autoestrada AP-9 en urbana ata o centro con acesos e  medidas contra o ruído.

También te puede interesar