Comarcas

@ConcelloNigran inicia a mellora das rúas Gándara e Ponte Muiña que dan acceso ao Porto do Molle

O Concello de Nigrán iniciou este martes pasado as obras de mellora ás rúas Gándara e Ponte Muíña que dan acceso ao parque empresarial Porto do Molle e que supoñen un investimento total de 220.000 €, dos que a Xunta subvenciona 120.000 €, como parte da “mellora de accesos ao parque empresarial” -os 100.000 € que aporta o Concello son a cargo do convenio de aproveitamento de Porto do Molle asinado en 1999 con Zona Franca-.

Os traballos, que deberán estar executados antes do 15 de novembro, corren a cargo da empresa adxudicataria, Fechi, e contemplan a sustitución da capa de rodadura, iluminación -en Gándara non existe-, instalación de saneamento e mellora da sinalización horizontal e vertical e creación, ademais, dun cebreado peonil pintado e delimitado lonxitudinalmente.

“Trátase de dúas rúas fundamentais no acceso a Porto do Molle e ao IES Val Miñor e que actualmente se atopan en pésimo estado, cun firme completamente deteriorado, provocando as lóxicas queixas dos seus usuarios, polo que consideramos esta obra prioritaria”, resume o alcalde, Juan González.

A rúa Ponte Muiña é de dobre sentido cun ancho medio de 6,3 metros e unha lonxitude de 700 metros, mentras que a rúa Gándara ten sentido único, un ancho medio de 7 metros e unha lonxitude de 381,2 metros. Non goza de beirarrúas ou delimitación para peóns, por iso, co obxectivo de reforzar a seguridade dos camiñantes, contémplase a creación dunha senda peonil mediante o pintado dun cebreado lonxitudinal que permitirá dar continuidade ás beirarrúas incompletas do entorno da glorieta que da acceso ao parque en Ponte Muíña. A senda tamén dará continuidade as beirarrúas da rúa Gándara, ao lado do Mercadona.

También te puede interesar