Comarcas

O Concello de Redondela avalía coma “moi efectivo” o resultado do Plan Integral de Condutas Adictivas impulsado da man da Asociación Érguete

Rematado  o curso 2017/2018 e empezando o 2018/2019 o Concello de Redondela e a Asociación Érguete fixeron unha valoración dos programas iniciados o pasado ano-que contan coa colaboración do Goberno de Galicia- encamiñados á prevención de condutas adictivas.

Os mesmos abrangueron actividades destinadas aos nenos e nenas, aos adolescentes e tamén as familias, “cun grande éxito de participación e cunha elevada valoración por parte dos participantes”, sinala a tenente de alcalde e concelleira de Benestar, María del Carmen Amoedo.

O obxectivo do ‘Plan Integral de condutas adictivas’ é o de detectar necesidades de intervención, deseñar e elaborar programas de prevención, difundir a oferta preventiva, distribuír e coordinar os programas e avaliar resultados, salientando a importancia clave da prevención coma ferramenta básica para evitar ou atrasar o inicio do consumo de drogas.

Os programas que se aplicaron no ámbito escolar foron tres,  incluíndo con estes tres todas as idades escolares Infantil, Primaria, Secundaria, postobligatoria, Bacharelato e ciclos formativos. “As mensaxes e a formación se dan sempre enfocados á idade dos asistentes, fomentando os estilos de vida saudables, reducindo os factores de risco asociados ao consumo de drogas”, sinala Amoedo, quen engade que o plan tamén se inclúe no plan programas enfocados ás familias e en Redondela leváronse a cabo tres nos que participaron un total de 185 familias.

Xa enfocado ao lecer, en especial á noite, e dentro da campaña que o Concello iniciou no Entroido de Verán, ‘Redondela 0,0’ dende a Asociación Érguete se impartiron charlas aos profesionais da hostalaría para informar das consecuencias da venta de alcol aos menores e, xa na celebración do entroido, se realizaron obradoiros como o de cócteles saudables e o de ‘popping ‘.

“Estamos moi satisfeitos coa execución do plan, tanto pola súa utilidade para as familias e as rapazas e rapaces coma, principalmente, polo feito de que estamos completamente convencidos de que a información é unha das bases principais para a prevención”, conclúe a tenente de alcalde.

También te puede interesar