Deportes

Vitoria de Sabela Delgado e Enrique Morán na proba BTT do ‘DepoDesafío 2018’, disputada en Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade acolleu este domingo a cuarta e penúltima proba do “DepoDesafío 2018”, na carreira de ciclismo BTT de 35 quilómetros na que Sabela Delgado e Enrique Morán cruzaron a meta en primeiro lugar. Preto dun centenar de deportistas gozaron do percorrido preparado para esta nova proba da competición organizada pola Deputación de Pontevedra.

A gañadora da carreira foi Sabela Delgado, que completou os 35 quilómetros en 2 horas, 7 minutos e 36 segundos, case 15 minutos máis rápido que a segunda clasificada, Ariana González. En categoría masculina o dominador foi Enrique Morán, cun tempo de 1 hora, 19 minutos e 51 segundos, tan só 25 segundos máis rápido que Brais Misa. En terceiro lugar chegou á meta Aroon Mallo, a 7 minutos e 40 segundos do gañador da proba.

Tras esta proba BTT celebrada en Cerdedo-Cotobade, sumadas as probas entre Tomiño e A Guarda, a travesía a nado no Grove e á trail de montaña na Cañiza, Ariana González e  Brais Misa son os que lideran a clasificación xeral do “DepoDesafío 2018”. En categoría feminina Ariana González, co segundo posto conseguido en Cerdedo-Cotobade adianta a Mónica Mezquita, que agora está a 55 puntos do liderado. Pola súa banda, en categoría masculina, Brais Misa segue liderando a clasificación xeral e mesmo ampliou a vantaxe sobre Ricardo Rey, que tamén está a 55 puntos do primeiro posto.

Coa próxima e última proba, o tríatlon de Vigo que se celebrará o domingo 7 de outubro, pecharase o “DepoDesafío 2018” e coñeceremos ao vencedor e á vencedora final da competición da Deputación de Pontevedra.

También te puede interesar