Ciencia y Tecnología Galicia

Galicia rexistrou en 2017 o menor número de casos de varicela dos últimos 6 anos

Galicia rexistrou o pasado ano a taxa máis baixa dende 2011 no tocante a incidencia da varicela, rachando deste xeito a tendencia a alza dos últimos anos. Así se desprende dos datos publicados pola Dirección Xeral de Saúde Pública do Goberno de Galicia sobre a evolución da varicela e a efectividade da vacina en 2017.

Ao longo do pasado ano notificáronse 257 casos por cada cen mil habitantes, un 50% menos que os rexistrados no período anterior, no que cunha incidencia de 514 casos por cada cen mil habitantes, situou a 2016 como o ano no que se rexistrou o maior pico de varicela dos últimos anos.

O comportamento á baixa observado en 2017 afectou a todos os grupos de idade, cun descenso da incidencia media global do 33% respecto á media do cuadrienio 2013-2016. Os maiores descensos relaciónanse, directa ou indirectamente, coa vacinación fronte á varicela. Hai que subliñar que a varicela ten unha estacionalidade característica, con maior incidencia na primavera e no verán, ademais dunha distribución etárea moi marcada, coas maiores incidencias nos máis novos, en ausencia de vacinación.

Por grupos de idade, nos nenos de 0 a 4 anos, con de 3.322 casos de varicela notificados o pasado ano por cada cen mil habitantes, a baixada rexistrada foi do 38%.   O grupo no que se rexistrou o maior descenso foi na poboación de 20 a 24 anos, que con 38 casos por cada cen mil habitantes acadou unha diminución do 50% con respecto a incidencia media do cuadrienio 2013-2016.

A franxa de idade comprendida entre os 30 a 34 anos e 35 a 39 anos rexistrou un descenso do 37% e no 39% respectivamente, e no seu conxunto, é marcadamente superior ao do restos dos grupos. A diminución da incidencia da varicela neste colectivo pode ser debida ao efecto indirecto da vacinación infantil, xa que é neste grupo onde se atopa a meirande parte dos pais e das nais dos nenos e dos rapaces.

También te puede interesar