Comarcas Galicia

As visitas ao Castelo de Sobroso aumentaron un 5% o mes pasado logo das reformas realizadas pola @depo_es

Máis de 2.400 persoas se achegaron o pasado mes de xullo ao Castelo de Sobroso, para coñecer o recinto histórico e os seus arredores, un  5% máis de visitantes que o mesmo mes do pasado ano 2017. O aumento coincide co remate  das obras de mellora realizadas pola Deputación de Pontevedra, tanto no Castelo como na remodelación e posta en valor da zona axardinada

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción polo incremento do número de visitantes, “que manifesta que a remodelación do castelo de Sobroso, o axardinamento do perímetro e a mellora das cubertas desde as que se poden admirar as espectaculares vistas do val do Tea, xa converteron ao recinto nunha das visitas obrigadas na provincia de Pontevedra”.

O goberno provincial investiu 525.000€ para acondicionar, conservar e manter a edificación do castelo de Sobroso, recuperando a capela e mellorando a cuberta, así como para naturalizar o exterior do recinto e poñer en marcha a senda do bosque atlántico.

Silva lembrou que xunto a estas actuacións, tamén se realizaron acondicionamentos básicos na electricidade, sinalización e iluminación, prevención de incendios e seguridade así como limpeza, execución de dous portalóns de acceso, reparacións de tarima e de escaleiras, e instalación de ventilación e calefacción.

También te puede interesar