Comarcas

O alcalde de Salceda solicita ao Goberno de Galicia a construción dunha segunda Escola Infantil

O alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, a concelleira de Benestar Social, Teresa Pérez, e o Arquitecto Municipal, Rubén Martín, reuníronse este luns en Compostela co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, co obxectivo de presentar o proxecto da nova escola infantil de Salceda.

O Concello propúxolle ao Consorcio a construcción desta segunda Escola Infantil na parcela anexa ao novo Centro de Saúde, na Rúa Mártires de Sobredo, por ser unha parcela que conta xa coas calificacións correspondentes -destinada a servizos-, e da que se podería dispoñer de xeito inmediato para a construcción da escola.

Os representantes municipais amosaron durante o encontro o proxecto da nova escola infantil, elaborado seguindo as pautas marcadas polo equipo técnico do Consorcio, prantexándose unha escola da mesma capacidade que a escola actual -61 prazas-. Por parte do Consorcio, o Xerente comprometeuse a buscar financiamento para poder executar as obras canto antes, e por parte do Concello, os técnicos comezarán a traballar xa no proxecto definitivo da escola.

En canto á financiación, Perfecto Rodríguez explicou que a achega do Consorcio de Benestar “seguindo os parámetros marcados polo FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional)” cos que se cofinancia a actuación, sería de 10.000 € por praza -610.000 € no caso de Salceda-, quedando a cargo do Concello de Salceda a achega restante, que suporía en torno aos 200.000 €.

“A segunda escola infantil para o noso concello debe ser atendida de xeito inmediato por parte do Consorcio de Benestar, pois a súa necesidade está máis que xustificada. Os nosos veciños e veciñas poden estar seguros/as de que seguiremos a traballar pola Salceda do “baby boom” e por conseguir os mellores servizos para os nosos nenos e nenas”, asegura o alcalde.

También te puede interesar