Galicia Sucesos

Un morto e 85 feridos nos 72 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas a pasada fin de semana

O 061 asistiu durante a fin de semana a 86 persoas debido a 72 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas dende as 3 da tarde do venres, día 2, ata as 12 menos un minuto da noite deste domingo, 5 de agosto.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 72 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 64 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon un total de 86 persoas.

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 96. Así, a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado acudiu en nove sinistros, o helicóptero medicalizado asistiu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 74 sinistros e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en 10 accidentes. As ambulancias convencionais asistiron en dous sinistros.

En 79 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en seis ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.

También te puede interesar