Galicia Sucesos

Un morto e 92 feridos nas estradas galegas a pasada fin de semana

Persoal do 061 asistiu durante a fin de semana a 93 persoas debido a 64 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas dende as 3 da tarde do venres, día 27, ata as 12 menos un minuto da noite deste domingo, 29 de xullo.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 78 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 64 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon un total de 93 persoas.

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 91. Así, a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado acudiu en sete sinistros, o helicóptero medicalizado asistiu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 70 sinistros e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en 10 accidentes. As ambulancias convencionais asistiron en tres sinistros.

En 81 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 11 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.

También te puede interesar