Cultura Galicia

Campaña en toda Galicia contra o ‘furtivismo de bañador’

A Consellería do Mar  vén de poñer en marcha a campaña ‘Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear’, que ten como obxectivo concienciar á cidadanía sobre a ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación.

Esta iniciativa vénse desenvolvendo desde o 20 de xullo e prolongarase ata o 17 de agosto nas praias galegas que reciben máis visitantes e que contan con maior produción marisqueira e coincidindo coa época de maior afluencia de turistas.

A campaña de sensibilización consiste na realización de 50 accións en 35 areais de 21 concellos costeiros, 11 deles na Coruña, nove en Pontevedra e un en Lugo. A través dela realizarase unha dinámica de xogo educativo que pretende amosar o labor que hai arredor do marisqueo e dos profesionais que traballan nesta actividade.

A Xunta solicitou a implicación do sector enviando a principios deste mes unha misiva a todas as confrarías de Galicia para informalas da súa posta en marcha. Deste xeito tamén se busca facer fincapé na importancia de loitar xuntos contra a problemática do furtivismo de bañador, pór en valor o labor dos mariscadores e mariscadoras profesionais e facer un chamamento á responsabilidade de cada bañista.

También te puede interesar