Galicia

O Mercado de Teis celebra este martes o ‘Día de Galicia’ cunha festa que ten coma protagonistas aos produtos galegos de calidade

O mercado de Teis celebra este martes, 24 de xullo, o ‘Día de Galicia’ cunha festa que terá coma protagonistas aos produtos galegos dos postos do mercado.

Baixo o lema “Noso Teis. Festa de Galicia no mercado”, o obxectivo do evento é “reforzar o vínculo entre o mercado e o barrio, así como achegar e dar a coñecer o mercado a novos públicos, sobre todo á mocidade”.

Con tal motivo, e tomando como pretexto a efeméride do 25 de xullo, ‘Día de Galicia’, a véspera celebrarase unha xornada festiva á que están convidados propietarios e empregados dos postos do mercado e as súas familias, así como clientes e residentes no barrio de Teis.

Seguindo o modelo de celebración ao estilo dunha romaría, nun ámbito urbano, esta festa pretende “reflectir as características dun barrio obreiro, na vangarda e con inquedanzas: a gastronomía, a música e expresións artísticas. Neste último ámbito, a festa contará coa intervención do artista urbano Pow One, que pintará unha das paredes laterais do mercado”.

Programación

Desde as 10 da mañá. estarán abertos diferentes postos e food trucks que servirán comida cociñada con produtos do mercado. O público disporá dunha zona-comedor de mesas e bancos corridos. Na praza instalarase un escenario onde se desenvolverán dous  ‘showcookings’: un a cargo do chef Daniel Rodríguez, do restaurante El Juliana, e o outro a dirixido polo chef Juan Manuel de la Cruz, do restaurante Casa Obdulia. Ademais, haberá un Café Show, a cargo do barista Sebastián Eduardo González con degustación de café gratuíta.

A actividade continuará pola tarde na praza do mercado con actuacións de grupos folclóricos. Os postos de comida permaneceran abertos para ofrecer repostería, froita e outros produtos do mercado.

A festa rematará cunha chocolatada gratuíta e a actuación de artistas do barrio, encabezados polo grupo Frying Luras.

También te puede interesar