Comarcas

@carmelasilva presenta @Sinsalaudio, que encherá a Illa de San Simón do xoves ao domingo que ven

Entre o 26 e 29 de xullo a Illa de San Simón acollerá unha nova edición do “SinSal Son Estrella Galicia”, un dos festivais máis singulares de Europa cuxa principal sinal de identidade é o carácter secreto do seu cartel e que forma parte dos #RiasBaixasFests da Deputación de Pontevedra.

A presidenta do organismo provincial presentou esta mañá en Vigo a 16ª edición do festival poñendo en valor o seu carácter comprometido e os puntos fortes dun evento que cumpre coas demandas da xente do século XXI.

Carmela Silva salientou o “SinSal” é un festival “cheo de novas propostas, un proxecto global e integral de entender un territorio e a industria musical e un compromiso coa provincia de Pontevedra e con Galicia”.

Amais da música de calidade, a presidenta da Deputación tamén destacou tamén a paraxe na que se desenvolve o festival, nas Illas de San Simón e San Antón, “marabillosas, cunha beleza que non ten palabras para describila e cunha historia única, moitas veces terrible”. Ao respecto, Silva destacou que “non podemos esquecer ese pasado para que non se repita e, para acadalo, nada mellor que rachar coa terrible historia pasada que construír presente e futuro enchendo esas illas de cultura como a través do SinSal”.

Xunto á música, a presidenta da Deputación enxalzou o compromiso do festival cos valores e principios da economía circular, da igualdade e da sustentabilidade. Neste eido, destacou que SinSal está comprometido coa sustentabilidade, coa mellora do medio ambiente para “que as seguintes xeracións teñan unha contorna mellor que a que nós recibimos”. Para elo, segundo informou Silva, a institución provincial puxo en marcha a campaña “Somos historias, somos sostibles”, que está centrada este ano na eliminación de plásticos e cabichas.

Silva destacou as campañas que a institución provincial vai poñer en marcha durante o festival, “Lembra, eu decido, ti respectas”, que se repite por segundo ano consecutivo, e “Conta comigo eu respéctote”, centradas na loita contra o acoso sexual e na concienciación á poboación da necesidade de cambiar os modelos existentes.

Por último a presidenta lembrou que a Deputación de Pontevedra “é a administración que máis achegas destina ao SinSal xa que, amais dos recursos individuais, tamén se encarga da súa promoción a nivel nacional e internacional no marco dos #RíasBaixasFests”.

También te puede interesar