Comarcas

@depo_es ‘abre’ a reformada estrada entre Cerquido e Borraliño, no @concellosalceda

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, xunto co alcalde de Salceda de Caselas Marcos Besada, supervisou o final das obras de mellora da seguranza viaria na estrada provincial Ep-2503 entre Cerquido e Borraliño no concello de Salceda. Segundo explicou, a mellora da intersección entre a vía provincial e as municipais implica un aumento da seguranza viaria na zona, cuestión que é “unha clara aposta do novo goberno provincial dentro da súa Estratexia 3.0 de Mobilidade para a rede de estradas provinciais”.

Benítez salientou que a actuación nesta vía provincial en Salceda, cun orzamento de licitación de 115.745€, fora unha prioridade solicitada polo alcalde incluso a gobernos provinciais anteriores, polo que salientou que se cumpre cunha “demanda histórica”. Lembrou que no cruce que acaba de remodelarse conflúen a estrada provincial e outras vías municipais que dan acceso a diferentes puntos de centralidade: o polígono industrial de O Cerqueiro, o centro cultural de Budiño, a área recreativa de O Coto, o CRA Raíña Aragonta, o parque etnográfico, e a igrexa e cemiterio de Budiño.

O proxecto para resolver a intersección incluíu a creación dunha nova área pavimentada para delimitar novos carrís de incorporación e agarda. A maiores da ampliación da plataforma, corrixíronse os peraltes tendo en conta o alto número de camións que pasa pola zona cara ao polígono industrial, e implantáronse dous elementos redutores de velocidade en forma de pasos de peóns sobreelevados en ámbolos extremos de actuación, limitando a velocidade a 30 quilómetros hora.  Tamén se instalou novo alumeado, potenciándoo na zona de cruce con sete novas luminarias tipo led e retirando as catro anteriores.

También te puede interesar