Ciencia y Tecnología Galicia

Convocado o maior concurso de mobilidade interna da Área Sanitaria de Vigo na que traballan 6.555 persoas

O Diario Oficial de Galicia publica este venres  o anuncio da convocatoria  ordinaria do  concurso de mobilidade interna para que o persoal sanitario e non sanitario do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) “poda mellorar as súas condicións de traballo”.

Segundo indican os responsabéis de Sanidade, “trátase do maior concurso da historia da sanidade pública viguesa, tanto polo número de postos ofertados como polas categorías profesionais ás que vai dirixida”.

Así, ofértanse 1.184 postos aos que poden concursar 2.223 profesionais de 9 categorías  do cadro de persoal: enfermeira/o, fisioterapeuta, técnica/o en coidados auxiliares de enfermería, auxiliares administrativos, celadoras/es, técnicos en diagnóstico por imaxe, terapeutas ocupacionais, logopedas, e enfermeiras/os especialistas en saúde mental.

Isto é, o persoal fixo desas categorías profesionais con destino definitivo nos centros que conforman o Complexo Hospitalario de Vigo poderán participar voluntariamente no concurso de mobilidade interna para  optar a un novo posto de traballo, cambiar de centro, de Unidade ou de horario (ofértanse quendas fixas e quendas rotatorias).

Segundo explica a directora de Recursos Humanos da área Sanitaria de Vigo, Ana Comesaña, “esta convocatoria é a primeira que se produce desde o ano 2010 con acordo dos representantes sindicais e considerase unha oportunidade para todo o persoal fixo que poderá ver melloradas as súas condicións de traballo e realizar a súa actividade noutras unidades distintas a de orixe para desenvolver a súa carreira profesional”-.

Baremos e prazos

Os baremos do concurso que ordenarán ao persoal contemplan diversos apartados de méritos como experiencia, formación e docencia. O prazo para concursar será desde o próximo 16 de Xullo e ata o 18 de setembro .

O Complexo Hospitalario  está conformado polo Hospital Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro, Nicolás Peña, Rebullón, Centro Integral de Saúde Taboada Leal, así como outros centros dependentes do cadro de persoal dos servizos centrais, con distintas unidades funcionais tanto de hospitalización, como de consultas externas, áreas de críticos e áreas especiais como Urxencias, UCI, Unidades pediátricas, Onco-Hematoloxía, Hemodinámica, Radioloxía, Diálise, Farmacia, Transfusión, Laboratorio, Endoscopias, Reanimación, e Quirófano.

Na actualidade, o persoal sanitario de Vigo ascende a 6.555 persoas, situando ao Srvizo Galego de Saúde (SERGAS) como o maior empregador da área.

También te puede interesar