Galicia

@FeijooGalicia aposta en Vigo por seguir impulsando o peixe coma un activo para a vida saudable e coma parte da nosa cultura

O presidente do Goberno de Galicia avogou este venres en Vigo por seguir impulsando a promoción do peixe como un activo para a vida saudable e unha parte esencial da nosa cultura.

O presidente Feijóo lembrou que a administración galega conta con dous programas dirixidos aos máis novos: ‘O sabor da aventura está no mar’, que busca transmitir aos escolares a importancia dos produtos do mar na dieta, afondar no coñecemento das especies, o papel dos consumidores á hora de preservar os recursos mariños, e a posta en valor das profesións do mar, chegando a máis de 50.000 nenos desde que se iniciou en 2010. E ‘Ponlle as pilas ao teu bocata’, unha iniciativa que alcanzou xa a máis de 65.000 nenos ao longo destes anos, ten como fin fomentar o consumo da conserva de produtos mariños entre a poboación de 5 a 14 anos, a través de talleres itinerantes en campamentos, centros escolares e actividades culturais.

Nesta mesma liña, o titular do Executivo referiuse tamén á posta en marcha en 2016 do programa ‘Do mar ao prato’, destinado aos centros de ensino de hostalaría, no que os alumnos coñecen o produto desde unha perspectiva global: desde o hábitat das especies pesqueiras máis habituais en Galicia ata os pratos de consumo.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu na necesidade de profundar nas tendencias de consumo e novas canles de comercialización, na elaboración sustentable ou na diferenciación e revalorización da industria pesqueira galega. Non en van, este sector, ademais de ser un importante activo económico, como demostran as últimas cifras: coa comercialización de máis de 212.000 toneladas de produtos da pesca en 2017, cun volume de facturación de máis de 500 millóns de euros, en termos de descargas o pasado ano foi o mellor exercicio da serie histórica 2002-2017; é tamén un valor social, achegando beneficios para a saúde, no seu papel preventivo dalgunhas enfermidades como a obesidade infantil.

O presidente do Goberno galego concluíu destacando a traxectoria de ARVI, unha institución que nos seus 50 anos de historia agrupa hoxe 160 membros e forma parte das principais entidades e institucións pesqueiras de carácter nacional e europeo, unindo esforzos no sector e falando con voz propia.

También te puede interesar