Vigo al minuto

Urólogos do Complexo Hospitalario de Vigo atallan as complicacións da ciruxía do cancro de vexiga

O Dr. Carballo durante unha intervención

Urólogos  do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) empregan unha técnica minimamente invasiva que lles permite atallar determinadas complicacións que adoitan ocorrer despois de realizar cirurxías de cancro de  vexiga nas que se substitue este órgano por un segmento de intestino. Ditas anomalías aparecen, tras a  operación, cando se produce unha obstrución no  uréter -a canle que une o  ril coa  vexiga-, e faise preciso abrir o paso.

A experiencia tivo unha importante acollida no último Congreso Europeo de Uroloxía, celebrado en Copenhague, pola novidade que supón a súa aplicación e polos seus resultados, que son moi satisfactorios.

O doutor Manuel Carballo,  urólogo do Complexo Hospitalario vigué explica que “hai unha técnica que se estaba desenvolvendo en Europa, pero o que conseguimos facer é unha modificación da mesma, que produce mellores resultados, que é máis efectiva e que causa menores problemas aos pacientes”.

A modificación realizada no CHUVI mellora determinados aspectos técnicos que permiten abordar maior número de casos que, doutra forma, necesitarían dunha cirurxía aberta coas consecuentes complicacións para o paciente, e que mesmo aumenta o índice de  morbilidade.

A nova técnica realízase sen incisión, mediante o emprego de láser e instrumentos  endoscópicos de calibre fino, coa finalidade última de salvar a unidade renal. Tras unha operación de cancro de vexiga invasivo con substitución da vexiga por segmento de intestino, poden producirse anomalías que chegan a afectar á función renal, co perigo que iso reporta para o paciente.

Coa aplicación desta técnica, o paciente está non máis de dous días ingresado no hospital, unha vez realizada a intervención.

También te puede interesar