Neurólogas do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) impartirán un curso de actualización sobre a esclerose múltiple (EM), especialmente dirixido ao persoal sanitario de Atención Primaria da área viguesa, tanto facultativos como profesionais de enfermería dos centros de saúde.
A Unidade específica de Esclerose Múltiple do CHUVI atende a case 600 pacientes que sofren esta enfermidade do Sistema Nervioso Central na área sanitaria de Vigo.
A esclerose múltiple é unha enfermidade do sistema nervioso, máis común entre adultos novos, e supón a segunda causa de discapacidade en persoas novas, só por detrás dos accidentes de tráfico. Descoñécese a súa orixe e tampouco ten cura coñecida.
O principal obxectivo do curso, que se celebra o 13 de xuño no Hospital Álvaro Cunqueiro, pasa por estreitar a coordinación entre os dous niveis asistenciais, a fin de conseguir melloras na abordaxe da enfermidade.
“Os últimos avances no coñecemento da esclerose múltiple outorgan cada vez maior importancia ao diagnóstico precoz e ao uso de medicamentos específicos, mellorando o prognóstico”, afirma a doutora Marta Aguado, relatora do curso xunto á doutora Elena Álvarez.
O proxecto pretende mellorar a información que manexan os facultativos de Atención Primaria sobre a enfermidade, orientada a un diagnóstico precoz. Ao mesmo tempo, establecer criterios claros para a derivación do pacientes desde o seu centro de saúde á consulta especializada no hospital. E ademais, mellorar o manexo do paciente en Atención Primaria facilitando o seguimento adecuado do enfermo.
A doutora Aguado aclara que “os novos fármacos que apareceron nos últimos anos dispénsanse, na súa maioría, no hospital e son medicamentos que necesitan dun control de riscos; por ese motivo, é bo que os médicos de Familia dos pacientes poidan implicarse nese control”. De feito hai medicamentos que, no seu tratamento máis agresivo, poden conseguir un control da enfermidade de ata o 80%.