Vigo al minuto

@carmelasilva pecha a edición da Escola María Vinyals comprometéndose a poñer en marcha un encontro estatal, en Soutomaior, de todas as escolas de igualdade do país

A Xornada sobre o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero da Escola de Igualdade María Vinyals, organizada pola Deputación de Pontevedra, pechou este xoves pola tarde co compromiso da presidenta do organismo provincial de poñer en marcha un encontro a nivel estatal de todas as escolas de igualdade do Estado que se celebrará no Castelo de Soutomaior. Carmela Silva sinalou que “hoxe establecemos as bases do evento que todas estamos convencidas de que temos que desenvolver e que se celebrará na nosa provincia”.

Silva agradeceu a presencia de todas as poñentes e a asistencia de case 200 persoas, na súa maioría mulleres, que participaron nas conferencias de Ángeles Álvarez, Inmaculada Montalbán, Marisa Soleto e Paz Filgueira, e nos obradoiros que dirixiron Gloria Poyatos, Yolanda Domínguez e Rosana Izquierdo, “todas elas – dixo -verdadeiras referencias en igualdade do Estado”

A xornada rematou coa conferencia de María Paz Filgueira Paz, maxistrada do xulgado de violencia sobre a Muller nº1 de Vigo, titulada “Pacto de Estado; e agora que?”. A poñente explicou que é necesario un compromiso por parte de todos os poderes públicos, así como un cumprimento estrito do ordenado no Pacto de Estado contra a Violencia, para conseguir avances nesta loita contra a violencia de xénero.

“É preciso actuar a todos os niveis dende a formación, as axudas socioeconómicas, políticas de paridade, estatísticas rigorosas que aborden a discriminación da muller, medidas transversais en todas as políticas”, afirmou Filgueira.

Esta mesma tarde celebráronse tres obradoiros nos que se seguiu profundar en materia de igualdade e violencia de xénero. No obradoiro, “Xulgar con perspectiva de xénero como metodoloxía de impartición de xustiza equitativa, a cargo da Maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Canarias e Presidenta da Asociación de Mulleres Xuristas (AMXE), Gloria Poyatos Matas, fíxose referencia ao papel da Constitución Española para converter a igualdade nun  rango fundamental.

A poñente explicou que malia a existencia de leis de carácter transversal, as fendas de xénero seguen presentes en todos os ámbitos sociais e se exacerban nun mercado laboral que segue discriminando ás mulleres. Poyatos insistiu en que o gran desafío do noso século é a conquista da igualdade sustancial, xa que, na práctica, a igualdade xurídica e real camiñan descompensadas. A maxistrada engadiu que, ante a inutilidade das ferramentas legais tradicionais, dende a Xurisprudencia Internacional de Dereitos Humanos estase a impulsar a impartición de Xustiza con perspectiva de xénero, que dea cumprimento efectivo ao concepto de transversalización do dereito á igualdade.

También te puede interesar