O Centro Tecnolóxico do Mar participará este ano na organización da edición 2018 do ‘Bussines2Sea’ no marco dun acordo de colaboración con Fórum Océano, entidade responsable deste evento internacional que o vindeiro mes de novembro reunirá en Porto a organizacións, profesionais, investigadores ou estudantes vinculados ao mundo do mar.
O devandito acordo pretende afianzar as relacións entre ambas institucións e estender a Galicia o impacto dun evento que en edicións anteriores reuniu a máis de 1.300 participantes nas diferentes actividades programadas.
“Desafíos do Mar 2030” é o eixo temático da oitava edición deste Fórum do Mar que terá como escenario o Centro de Congresos de Alfândega entre os días 14 e 16 de novembro, cando se debaterá sobre a dixitalización da economía do mar, a sustentabilidade e o coñecemento dos océanos, a cooperación, o emprego e as competencias profesionais, ou a programación futura dos fondos comunitarios.
O programa previsto inclúe un conxunto de seminarios e talleres temáticos, un programa de encontros internacionais de negocios, sesións curtas de presentación de proxectos nesta área, exposicións e degustacións de produtos do mar.