Galicia Sucesos

@GardacostasGal requisan máis de 470 quilos de peixe e marisco nos últimos días

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia requisaron máis de 470 quilos de peixe e marisco, 154 útiles de pesca e 1.250 metros de artes de enmalle en diferentes controis realizados nos últimos días polo litoral de Galicia. 

A ría de Arousa foi a zona na que se rexistraron máis comisos. Alí os axentes requisaron máis de 210 quilos de peixe e marisco, 26 útiles e 900 metros de artes de enmalle. Un dos controis máis destacados foi no porto de San Xulián, na Illa de Arousa, e saldouse co comiso de 52 quilos de centola, máis de 14 quilos de nécora, máis de catro quilos de ameixa babosa e dous quilos de berberecho. A maioría desta mercadoría estaba en 10 viveiros que tamén incautaron os axentes, debido a que estaban sen identificar.

Na ría de Pontevedra, os axentes comisaron preto de 100 quilos de marisco e oito útiles. A maioría do marisco foi requisado nun control realizado en Sanxenxo, no que os axentes se aprehenderon de máis de 90 quilos de centola, máis de seis quilos de nécora e preto de tres quilos de lumbrigante. Neste control tamén incautaron cinco nasas e 300 metros de trasmallos debido a que todo estaba sen identificar. A maiores,  en diferentes inspeccións na ría de Vigo comisaron máis de seis quilos de peixe e marisco e 150 metros de artes de enmalle.

A Costa da Morte tamén foi escenario de distintos controis que se saldaron co comiso de máis de 76 quilos de peixe e marisco e coa incautación de 71 aparellos e 200 metros de artes de enmalle. Unha das actuacións máis destacadas foi na ría de Corme e Laxe, onde os gardacostas requisaron 20 quilos de patexo, 10 quilos de polbo, 44 nasas e dous cacharros, debido a que estaba todo sen identificar.

Na ría da Coruña, os axentes comisaron máis de 26 quilos de peixe e marisco e incautaron 21 útiles.  A maioría do produto comisado foi nun control na zona de Baixos dos Delgados no que os axentes comisaron 16 quilos de robaliza e incautaron seis palangrillos por estar sen identificar.

Na ría de Ares e Betanzos, as actuacións realizadas polos gardacostas saldáronse co comiso de 42 quilos de marisco e coa incautación de 11 útiles. A maioría do marisco comisouse nun control do porto de Ares que se saldou co comiso de 35 quilos de centola e  dous quilos de nécora e coa incautación de cinco viveiros, tres salabardos e dúas nasas, debido a que todo estaba sen identificar.  A maiores, na ría Ferrol, os axentes requisaron máis de 13 quilos de peixe e marisco e catro útiles en distintas actuacións e na de Cedeira preto dun quilo de peixe e marisco e 13 nasas.

También te puede interesar