Vigo al día

O Concello iniciará no Casco Vello, Bouzas e o Ensanche a recuperación de soares e edificios abandonados

O Pleno da Corporación aprobou este mércores, de forma definitiva, o regulamento do Rexistro de Soares do Concello, co apoio de todos os grupos políticos municipais e despois de ser desestimada a única alegación presentada.

A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, subliña que esta ferramenta permitirá ao Concello poñer no mercado aqueles soares e edificios en ruína ou abandonados; a mesma normativa, engadiu a concelleira, prevé un prazo concreto para rehabilitar ou construír nas parcelas.

Quince días despois da publicación da aprobación definitiva no Boletín Oficial da Provincia, o Goberno local poderá incorporar estas propiedades ao Rexistro e sacalas a poxa pública no prazo dun ano. De quedar deserta, podería volver a celebrarse nos seis meses seguintes cunha rebaixa no prezo do 25% e, de non ser novamente adxudicada, pasaría a formar parte do Patrimonio Municipal do Solo.

A concelleira revelou que o goberno municipal, unha vez entre en vigor o regulamento, inaugurará o rexistro municipal incorporando inicialmente 42 soares: o Concello comezará co Casco Vello, Bouzas e o Ensanche, explicou, ademais de nas propiedades en ruína ou abandono que poidan afectar a terceiros.

También te puede interesar