Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

O persoal dos PAC vigueses denuncia a súa expulsión dunha xuntanza co conselleiro de Sanidade

Traballadores dos Puntos de Atención Continuada (PAC) de Vigo veñen de denunciar a súa  “expulsión” na tarde deste luns da xuntanza que mantiñan no hospital Meixoeiro co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, á que o persoal de atención primaria fora convocado para expresar as súas “opinións, visións e necesidades”.

Segundo critican, malia que se fixo unha convocatoria extensiva a todo os profesionais instando a encher o salón de actos e incluso colgando a convocatoria nos taboleiros de información, a dirección da Área Sanitaria de Vigo, “convidounos a abandonar o salón de actos acusándonos de ‘violentar’ coa nosa presenza a reunión na que nos atopabamos de xeito pacífico sentados para agardar a nosa oportunidade para expresar e dar a coñecer a nosa situación”.

Como consecuencia, as profesionais presentes no acto “sentíronse agredidos e ninguneados” xa que, subliñan, “percibimos claramente que eramos persoas ‘non gratas’ e que non interesaba dialogar con nós, polo que abandonamos o salón de actos, non sen antes entregarlle ao conselleiro as nosas reivindicacións por escrito, momento no que insistiu en que non era o foro para falar dos nosos problemas”.

Precisamente para abordar as súas reivindicacións foron convocados para este venres 27 a unha comisión técnica que se celebrará na sede do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) en Santiago ás 11 da mañá, na que negociarán os 11 puntos básicos que demandan, comezando pola xornada laboral: que non supere as 1.451 horas anuais, e que calquera exceso de xornada debe de ser voluntaria, incentivada e por tramos.

As outras 10 cuestións que reivindican pasan por contar con equipos completos para o persoal médico e de enfermería en todos os PAC; por que se respecten os tempos de traballo conforme ás directivas europeas; eliminar dos obxectivos as “derivacións hospitalarias” ou calquera outro tipo de eufemismo para referirse a estas; e que se doten os PAC en base a criterios de carga asistencia, dispersión xeográfica e distancia ao  hospital de referencia; o pago do 100% dos complementos de nocturnidade e festividade con carácter retroactivo dende 2010.

Tamén se demanda o cómputo neutro para os permisos retribuídos. Que se conten como xornada laboral as asistencias ás reunións coa Xerencia. Que as dietas de domingos e festivos sexan abonadas polos conceptos de xantar e cea. A elaboración dos calendarios de quendas dándolle prioridade ao persoal propio dos PAC, que se dote de EPI’s a todo o persoal que traballa nos PAC, sexa fixo, en formación ou eventual; neste punto reclaman tamén un circuíto de limpeza que evite ter que lavar a roupa no domicilio persoal e que asegure a súa disposición na seguinte quenda de traballo.

También te puede interesar