Vigo al minuto

Os hospitais da Área Sanitaria de Vigo realizaron a actividade cirúrxica prevista para este venres

Segundo indica o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), a actividade cirúrxica dos hospitais de Vigo realizouse este venres “segundo a planificación prevista, tanto no hospital Álvaro Cunqueiro como no Meixoeiro”.

Así, tras reprogramar onte 7 intervencións para hoxe no Álvaro Cunqueiro e 3 no Meixoeiro, efectuáronse as 114 cirurxías previstas -23 no Cunqueiro e 91 no Meixoeiro-.

O mantemento da case a totalidade da programación cirúrxica – o 92%– foi posible, subliña o SERGAS, “grazas ás medidas adoptadas tralas incidencias detectadas no esterilizado dos contedores do instrumental cirúrxico”.

Por outra banda, engaden dende o Servizo Galego de Saúde, os informes técnicos do laboratorio especializado en análises de metais e da propia empresa subministradora dos contedores -coordinados polo servizo de Medicina Preventiva- “confirmaron que as partículas brancas son óxido de aluminio das propias caixas e os técnicos están estudando as causas desta desintegración do metal e planificando un conxunto de medidas para solventar de xeito definitivo este suceso”.

También te puede interesar