Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Un estudo de especialistas do Cunquiero conclúe que os enterovirus causan o 90% das meninxites víricas

Os enterovirus son os principais causantes do 90% das meninxites linfocitarias nos nenos menores de tres anos. Esta é a conclusión fundamental do estudo realizado por un grupo de pediatras do Hospital Álvaro Cunqueiro, dirixido polo   xefe do servizo, o doutor Fernández Lorenzo, e que lle valeu o primeiro premio á mellor comunicación no congreso da Sociedade de Pediatría Galega.

Os enterovirus e parechovirus producen infeccións en nenos que soen ser banais, aínda que ás veces poden afectar ao sistema nervioso central, producindo trastornos da linguaxe, memoria, aprendizaxe, conduta ou incluso epilepsia ou parálise cerebral.

Segundo afirma a primeira fírmante desta investigación, a doutora Antía Fiel “ o obxectivo deste traballo era analizar as manifestacións clínicas e a epidemioloxía das infeccións do sistema nervioso central por este tipo de virus en menores de 36 meses ingresados no hospital, avaliar o seu desenvolvemento neurolóxico e detectar secuelas a medio prazo destes casos”-.

Bo prognóstico na maioría dos casos

Nesta investigación estudaron a 39 pacientes infectados por estes virus, cunha idade media de diagnóstico de 8,6 meses. Precisaron ingreso o 90% deles, cunha estadía media de 5,5 días. O 65% dos casos aconteceron nos meses de primavera e no verán.

A clínica máis frecuente con que cursaron estas patoloxías foi a febre (87%), irritabilidade (49%), vómitos (28%), infección respiratoria alta (23%), cefalea (20%)  e exantema (8%).

Os especialistas realizaron un seguimento destes nenos durante tres anos, e dous anos despois do episodio detectaron que dous deles -nos que identificárase un tipo de virus moi concreto e máis lesivo- tiveron secuelas neurolóxicas, nun deles con afectación á area motora e noutro con alteracións no ámbito social e comunicacional.

Como conclusións, a infección do sistema nervioso central por enterovirus é frecuente en menores de 36 meses con febre sen foco, especialmente durante os meses cálidos, desde maio a setembro.

También te puede interesar