RGPD - Cookies
Comarcas

@depo_es inviste 680.000€ na rúa da Gándara, no concello de Salceda de Caselas

A Deputación de Pontevedra vai mellorar e urbanizar parte do treito urbano da estrada provincial EP-2505, máis coñecida como rúa da Gándara, no concello de Salceda de Caselas. Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a actuación consiste na remodelación dun ámbito de 350 metros onde se reúnen moitos equipamentos públicos do concello, creando novas beirarrúas e espazos de aparcamento, así como unha nova glorieta de distribución do tráfico, cun orzamento de preto de 680.000 euros.

Segundo explicou Benítez, o obxectivo da obra é habilitar espazos seguros para os peóns, seguindo os criterios da Estratexia de Mobilidade 3.0 da Deputación de Pontevedra, que propón o deseño dos espazos urbanos tendo as persoas como referente principal en lugar dos coches, e o aumento da seguranza viaria.

Actualmente, a rúa da Gándara carece de ordenación e apenas ten beirarrúas máis que nun pequeño treito, obrigando aos peóns a circular polo borde da estrada. Algo similar ocorre co aparcamento, posto que os vehículos aparcan de xeito aleatorio, o que incluso resulta preigoso para a circulación rodada. Así mesmo, os pavimentos están deteriorados, o que xustificou a necesidade da intervención por parte do departamento de Mobilidade dirixido por Benítez.

También te puede interesar