Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

A Asociación Galega de Linfedema contará, dende este mércores, cun punto de información no hospital de Meixoeiro

A Asociación Galega de Linfedema (AGL), que ten a súa sede en Vilagarcía de Arousa, vai a ampliar dende mañá, 14 de febreiro, o lugar de atención ás persoas que viven con esta enfermidade que afecta ao sistema linfático, debido a unha malformación, disfunción, obstrución ou dano no mesmo.

Todos os segundos mércores de cada mes, empezando por este, unha traballadora social da entidade desprazarase ata un local situado no segundo andar que lle cede o hospital do Meixoeiro, en horario de 5 e media a 7 e media da tarde, para poder atender a todas as persoas asociadas da entidade e evitarlles o desprazamento ata Vilagarcía.

Durante estas dúas horas de atención, as persoas afectadas por linfedema de Vigo e comarca poderán ser informadas e asesoradas en todas as dúbidas que lles poidan xurdir. Lembramos que o linfedema é unha enfermidade que afecta 900.000 a máis de persoas en España.

Durante a primeira sesión de atención no hospital do Meixoeiro, desprazaranse ata o punto informativo tanto a traballadora social da entidade como membros da xunta directiva.

AGL é unha entidade sen ánimo de lucro, que agrupa a persoas afectadas e familiares nacendo como resposta á necesidade de apoio, información e representación das persoas afectadas por Linfedema.

AGL é unha das entidades de discapacidade orgánica que forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), formando parte da Comisión Sociosanitaria xunto a outras 25 entidades máis que representan a diferentes enfermidades crónicas.

También te puede interesar