RGPD - Cookies
Vigo al minuto

@En_Marea alerta do «colapso» das Urxencias dos hospitais de Galicia e critica a falla de previsión da Xunta

A voceira de Sanidade de En Marea no Parlamento de Galicia, Eva Solla, denuncia a situación de «colapso» no servizo de Urxencias dos hospitais galegos durante os últimos días, como veñen manifestando distintas asociacións, coma a de Pacientes do CHUS, que difundiu un vídeo no que se poden numerosos doentes en cadeiras de rodas nos corredores, como o propio persoal de Urxencias dos centros sanitarios de Vigo, que denunciaron informalmente a súa situación, «fartos de que a Consellería de Sanidade lles dea as costas».

«A Xunta segue facendo caso omiso ás advertencias que levamos feito dende hai moito tempo de que a situación das Urxencias deben preverse con tempo suficiente e a pesar de seren coñecedores de cando se incrementan os picos de asistencia durante todo o ano, a previsión segue totalmente ausente», sinalou Solla, que lembrou que En Marea rexistrou preguntas e iniciativas encamiñadas a resolver esta situación , «ademais de dar este debate no Parlamento a semana pasada».

No caso da área sanitaria de Vigo, Solla lembrou a situación pola que atravesa o Hospital Álvaro Cunqueiro dende a súa inauguración, «pola chapuza que supuxo a redución do espazo destinado ás Urxencias nun 50%, ademais das carencias de persoal tanto nese servizo como nas diferentes plantas de hospitalización, con numerosas camas pechadas no hospital do Meixoeiro para as que reiteramos a súa inmediata reapertura».

Eva Solla advirte que a situación é previsible que empeore nas vindeiras semanas, cando se incrementen as asistencias debidas a problemas respiratorios. «Porén, segue sen haber ningunha medida de reforzo», denuncia a parlamentaria. «Reiteramos unha vez máis a necesidade de implementar maiores recursos de persoal e que se reabran todas as camas pechadas», reivindica.

También te puede interesar