Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

O Cunqueiro contará cunha unidade específica para o seguimento da Fibrose Quística

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) disporá dunha unidade específica para o seguimento e tratamento da  Fibrose Quística na área sanitaria viguesa.

Nestes momentos, segundo informa o Servizo Galego de Saúde (Sergas), o CHUVI dispón dun equipo multidisciplinar, como paso previo á formalización da Unidade, no que participan os servizos de Pneumoloxía, Dixestivo, Xenética, Rehabilitación, Pediatría,  Microbioloxía e Nutrición.

As  pneumólogas do  CHUVI Marta Núñez, Cristina Ramos e María Jesús Rodríguez, esta última especialista tamén en Pediatría, traballan directamente cos pacientes que sofren  Fibrose  Quística e consideran que a existencia do equipo multidisciplinar contribúe a aumentar a supervivencia e a mellorar a calidade de vida dos pacientes que sofren esta enfermidade. “O obxectivo que perseguimos é conseguir que a unidade chegue a estar acreditada e os pacientes poidan ser incluídos no rexistro europeo”, explican.

O Servizo de Pneumoloxía, que traballa no Hospital Álvaro Cunqueiro ten identificados nestes momentos a 22 pacientes adultos con  Fibrose  Quística e a unha trintena en idade pediátrica.

Enfermidade sen cura

A Fibrose Quística consiste nunha alteración xenética que afecta a distintas zonas do corpo producindo secrecións mais espesas por una alteración dun canle iónico.  É unha patoloxía grave de tipo evolutivo que hoxe en día non ten curación. Afecta fundamentalmente o aparato dixestivo e o respiratorio sendo a afectación de este ultimo a que condiciona un peor prognóstico.

O Hospital Álvaro Cunqueiro acollerá este sábado, día 16, a oitava edición da xornada anual que organiza a Asociación Galega de  Fibrose  Quística, na que as  pneumólogas Marta Núñez e María Jesús Rodríguez terán un especial protagonismo. Non en balde ambas, unha no referido a adultos e a outra a menores, falarán sobre as perspectivas de futuro que existen para o seguimento e tratamento da enfermidade.

“Agora mesmo xa hai dous novos fármacos que foron aprobados pola Axencia Europea do Medicamento que frean a caída da función pulmonar e tamén da dixestiva nos pacientes con  Fibrose  Quística”, explica a doutora Núñez, que coincide con as doutoras María Jesús Rodríguez e Cristina Ramos en que “o máis importante é a investigación para que aparezan máis fármacos que poidan facer fronte a maior número de mutacións, porque hai moitas delas que aínda non teñen un tratamento específico”.

También te puede interesar