Comarcas

Convocada folga indefinida no servizo de recollida do lixo do Concello de Ponteareas

O cadro de persoal de FCC, concesionaria da recollida do lixo do Concello de Ponteareas, decidiu finalmente convocar folga indefinida a partir das 6 da mañá do vindeiro luns, día 18 de decembro, para reclamar un novo convenio colectivo que fixe uns soldos dignos.

Os 20 traballadores do servizo, cunha xornada que se estende de luns a sábado, ingresan pouco máis do Salario Mínimo Interprofesional e aspiran a elevar as nóminas até os 1.000€ mensuais.

“Suspendemos as conversas por mor da parálise e do inmobilismo da dirección, que non varía a súa postura inicial; máis que unha negociación, o que quere impoñer FCC son as súas condicións para seguir mantendo a precariedade nas condicións sociais e económicas dos traballadores do lixo”, explica Pedro Pérez, secretario de Organización da CIG-Servizos.

O responsábel sindical lembra que o Goberno local de Ponteareas é bo coñecedor desta situación, xa que a propia representación sindical lle trasladou “a parálise e o retroceso” da mesa de negociación no último ano, “estando nas súas mans a posibilidade dunha saída negociada coa empresa contratada para este servizo”.

Pérez afirma que foi precisamente esta situación a que obriga os empregados a convocar unha folga indefinida,“se non se produce unha saída inmediata ao conflito”. Polo tanto, os traballadores demandan a comprensión e a solidariedade do conxunto da veciñanza coas súas xustas reivindicacións, “independentemente dos prexuízos que a medida adoptada poidan ocasionar entre a cidadanía”. Asemade, solicítanlle á empresa e ao Concello que asuman as súas responsabilidades e recapaciten para poder chegar a un acordo que desbloquee a convocatoria de folga.

También te puede interesar