Comarcas

@ConcelloNigran abre o martes que ven, día 5, a súa Programación de Nadal

O Concello de Nigrán inaugura este martes 5 de decembro a programación de Nadal coa festa de encendido do alumeado durante toda a tarde no Auditorio e a Praza do Concello. Así, ao longo dun mes que remata coa tradicional cabalgata de Reis, o Concello ofrecerá un amplo abano de propostas de ocio para todo tipo de público: dende animación infantil para os nenos, eventos deportivos como a xa establecida carreira San Silvestre e os torneos do Club Baloncesto Nigrán e Panxón Futbol Sala, concertos de corais ou rondallas, baile para maiores,  presentación de libros, proxeccións e charlas.

Para comezar o martes 5, Peter Punk ás 6 da tarde na Praza do Concello e Alféizar ás 7 e media, no Auditorio Municipal, serán os protagonistas da festa do encendido, na que ademáis se inaugura o belén de Lupe Soto.

O nigranés Isaac Rodríguez Miranda é Peter Punk, considerado o mellor pallaso galego do momento, quen presentará o seu espectáculo para público familiar ‘Chungo ke te cagas”, unha actuación sen tregua, chea de humor e malabares, na que a comicidade se mestura coa habilidade na procura da gargallada do público. Gañador do Mundoclown 2008 e do Festiclown Rivas-Vaciamadrid 2013 e 2014, xirou por Brasil, Arxentina, Palestina, Italia, Portugal e multitude de festivais estatais e galegos.

Con mais de 900 funcións realizadas, Peter Punk é un dos clowns de referencia, cun humor traste e fresco sen comparación. Pola súa banda, Alféizar son Beni Gago e Gonzalo ‘Gonzo’ Alonso, un dúo que se define a si mesmo como “o mellor conxunto musical de lírica comarcal’. “Se hai algo que caracteriza a estas novas promesas, é o talento levado á súa máxima expresión, tanto nas letras das súas cancións, de  rabiosa actualidade, como na súa música moderna e directa, que fan as delicias de todo aquel que se abraia con elas”, resumen eles mesmos sobre un concerto que promete non deixar indiferente a ninguén.

A programación de Nadal continúa o venres 8 co concerto da Coral Stella Maris en Priegue (20.00 h) e ao día seguinte, sábado 9, coas corais Novos Aires de Panxón, Vagalume de Chandebrito, Ecos do Castelo de Parada e Stella Maris no Auditorio Municipal. Entre outras actividades, destacan polo seu carácter festivo o día 23 na Ramallosa Troula Animación co seu pasarrúas  Funky Party para nenos e, ao día seguinte, a Rondalla de Parada por Nigrán, Panxón e Ramallosa.

No eido deportivo, o Concello mantén a súa aposta pola carreira San Silvestre o día 30 de decembro e celebra os torneos do Club Baloncesto Nigrán e Panxón Fútbol Sala. Paralelamente, o Auditorio Municipal acollerá ata o día 14 de decembro a exposición ‘A Outra Cara de África’, dende o luns 18 a exposición dos alumnos da escola municipal de pintura e a ludoteca do 22 ao 5 de xaneiro.

A tradicional cabalgata de Reis o 5 de xaneiro coa posterior recepción aos reis no pavillón de Panxón porá o broche final a toda a programación de Nadal.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.