Ciencia y Tecnología Galicia

A prevención é a mellor arma contra a Sida que matou en Galicia a 3.040 persoas de 2004 a 2016

Coincidindo coa conmemoración do ‘Día Mundial da Sida’ o vindeiro día 1 de decembro, a Consellería de Sanidade publica o Informe ‘VIH-sida e outras ITS en Galicia 2017’, no que se destaca que nos últimos catro anos estase a apreciar unha tendencia á diminución da incidencia de VIH en Galicia pasando de 81 a 44 casos ao ano por millón de habitantes en 2016.

O informe salienta que Galicia acumula 4.213 casos de sida dende que en 1984 diagnosticouse o primeiro caso. En relación ao período 2004-2016, os datos en presentan unha incidencia de infección polo VIH de 69,5 casos ao ano por millón de habitantes, o que nos sitúa por debaixo da incidencia anual española que é de 99 infeccións. Neste período producíronse en Galicia un total de 3.040 mortes polo VIH.

As provincias da Coruña e Pontevedra son as zonas con maior incidencia de infección polo VIH de Galicia. Ourense ten unha incidencia intermedia e Lugo é a de menor incidencia.

No patrón epidemiolóxico da transmisión do virus predomina claramente a vía sexual,  así no 77% dos casos o contaxio produciuse a causa das relacións sexuais non protexidas (39,9% por relacións entre homes que teñen relacións sexuais con outros homes -HSH- e 37,5 % heterosexual), e as infeccións por compartir material de inxección entre os usuarios de drogas inxectables supón o 17% dos casos rexistrados de nova infección.

Importancia do diagnóstico previo

Cómpre lembrar que unha quinta parte da poboación infectada polo VIH non sabe que o está, e pode estar transmitindo a infección a outras persoas se teñen prácticas sexuais non seguras. Ao longo do período e sen variacións anuais significativas, o 49 % dos novos diagnósticos de infección presentan diagnóstico tardío. Estes datos resaltan a necesidade de seguir impulsando actividades para conseguir mellorar o diagnóstico precoz entre a poboación e os profesionais sanitarios, cuestión que é prioritaria para obter o máximo beneficio, individual e colectivo, dos avances na prevención e o tratamento da infección polo VIH.

Dende o ano 2009 invístense máis de 50 millóns de euros anuais na atención de pacientes galegos infectados polo VIH, dos cales o 60 % son gastos en fármacos antirretrovirais. En 2016, había 5.451 persoas a tratamento antirretroviral e o gasto en antirretrovirais ascendeu a 34.562.477 €.

Unha das campañas preventivas máis importantes no fomento do diagnóstico precoz do VIH en Galicia é o programa de probas rápidas. Estas probas empregan unha mostra de saliva, son gratuítas, anónimas e están accesibles á comunidade a través de entidades colaboradoras situadas nas catro provincias galegas. Dende o comezo deste programa en 2011, fixéronse 4.694 probas rápidas de VIH, das cales 73 (1,6%) foron positivas.

A prevención segue a ser a estratexia fundamental

En ausencia dunha vacina preventiva e de tratamento curativo, a prevención segue a ser a estratexia fundamental de control da epidemia da infección polo VIH e a sida. Dado que as relacións sexuais non seguras son a principal vía de transmisión do virus na nosa contorna, as campañas preventivas neste eido acadan unha especial relevancia.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.