Comarcas

@depo_es impulsa un novo Plan Móvese para reducir a velocidade de circulacion nas estradas da rede provincial

(

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou hoxe que a Deputación de Pontevedra vai impulsar un ‘Plan de Mobilidade e Velocidade Segura 2’ (MÓVESE) para a instalación de novos elementos de calmado de tráfico, ‘lombos’ e redutores de velocidade, nas vías da rede provincial.  Esta nova actuación, “moi ambiciosa” en palabras de Benítez, vaise poñer en marcha debido á alta demanda por parte dos concellos e da propia veciñanza da provincia.

O deputado explicou que o departamento de Mobilidade está a remitir unha comunicación aos concellos para que, nas vindeiras semanas, alcaldesas e alcaldes transmitan información sobre as zonas das estradas provinciais nas que consideran se deben acometer máis actuacións de calmado de tráfico.  Será o persoal técnico da Deputación quen definirá despois cales serán os dispositivos a implantar, as distancias entre eles e o seu emprazamento máis axeitado.

O investimento neste novo Plan Móvese e os prazos de execución concretaranse unha vez se coñezan as necesidades reais. En calquera caso, Benítez destacou que dado que a seguranza viaria é un obxectivo estratéxico do novo goberno da Deputación a intención é “dar resposta á demanda de xeito moi ambicioso e cunha grande aposta, igual que na primeira fase”.

Uxío Benítez realizou unha valoración da resposta social ante o Plan Móvese que está en marcha e cualificouna de “moi positivo e satisfactorio”. Asegurou que “a realidade é que hai máis dun 90% de satisfacción nos lugares onde se colocaron dispositivos de calmado de tráfico”.

De feito, explicou que o único punto onde houbo unha movemento contrario á súa instalación foi no municipio de Pontevedra, “que foi o único lugar onde nos atopamos cunha problemática que, supoño, responde a cuestións de índole política ou cuestións de índole máis rara, pero a realidade é que no resto da provincia podemos transmitir unha grande satisfacción e unha grande demanda de máis dispositivos”, puntualizou.

Fin de obra en xaneiro de 2018

Benítez explicou que o departamento de Mobilidade ten xa no seu haber máis de medio centro de peticións de ‘lombos’ e redutores de velocidade de concellos e persoas particulares -recollidas nas últimas semanas a pesares de non ter aberto oficialmente ningún prazo de solicitude-.

Así mesmo, dixo que no desenvolvemento das obras actuais incluso foi necesario aumentar o número de dispositivo de calmado de tráfico previstos nun reaxuste de reforzo polas constantes peticións. Puxo como exemplo que no contrato correspondente á área de O Morrazo e Pontevedra pasouse de 206 a 228 dispositivos os executados.

En canto á finalización da primeira fase do Plan Móvese, Benítez explicou que os catro contratos (Pontevedra-Morrazo, Vigo, Baixo Miño-Condado-Paradanta, e Deza-Caldas-O Salnés) teñen un nivel de execución de entre o 85 e o 90%, coa previsión de rematar as actuacións a finais de xaneiro de 2018 salvo que se produzan complicacións por cuestións de climatoloxía.

También te puede interesar