Galicia

Aberto o prazo para aquelas familias que queiran solicitar o ‘Bono Coidado’

A Xunta ten aberto dende este sábado o prazo para que as familias se podan acoller á segunda convocatoria do programa ‘Bono Coidado’ e cuxos requisitos se poden consultar no Diario Oficial de Galicia (DOG) de onte.

Trátase dunha axuda económica directa para colaborar no pago do importe de servizos de atención á infancia a domicilio por enfermidade do/a menor e imposibilidade de ser coidado polos membros da unidade familiar, ben sexa por enfermidade do coidador/a habitual ou por situacións puntuais de carácter laboral, entre outras posibles circunstancias ocasionais.

Esta nova convocatoria do Bono Coidado presenta melloras con respecto a do ano pasado, sendo a principal a  extensión desta axuda económica ás familias con nenos e nenas menores de 12 anos. Ademais, outra novidade é que se amplían as familias que poden optar a esa axuda ao incluír aquelas en situación de garda preadoptiva de menores de 12 anos xunto aos pais/nais, titores/as ou as persoas en situación de acollemento familiar prevista na convocatoria anterior. Así mesmo, e co fin de recoñecer a maior probabilidade que teñen as familias con máis dun fillo ou filla de necesitar este recurso, se incrementa o número total de horas concedidas un 15% por cada fillo/a menor de 12 anos a partir do primeiro.  E, finalmente, e coa finalidade de simplificar o acceso a esta axuda, a nova orde contempla o pago en efectivo do servizo, de maneira que tan só é preciso acreditar  mediante un recibín do provedor que este se teña realizado.

O Bono Coidado concederase en réxime de concorrencia non competitiva cun máximo de 80 horas por familia para a totalidade do período subvencionado (un máximo de 20 horas na anualidade 2017 e de 60 horas na anualidade 2018). Cantidade que se incrementará no caso daquelas familias que teñan dous ou máis fillos nestas idades. Deste xeito e no caso de querer optar a esta axuda, as persoas interesadas deberán de acreditar que residen enGalicia, ter unha nena ou neno nado/a con posterioridade ao 31 de decembro de 2005 respecto da anualidade 2017 e con posterioridade ao 31 de decembro de 2006 respecto da anualidade 2018. Así mesmo, a renda da unidade familiar non pode superar os 45.000 euros ou os 13.500 euros per cápita. En canto ao período subvencionable, irá do 1 de outubro de 2017 ata o 30 de setembro de 2018.

Para facer efectivo o pago desta axuda, e logo de notificada a resolución da concesión, as persoas beneficiarias deberán achegar á xefatura territorial correspondente a solicitude de pagamento, as facturas orixinais onde conste o día e hora/s en que se prestou o servizos xuntos cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento ou o recibín do provedor e a xustificación documental da situación puntual que dá dereito á percepción da axuda.

A contía da axuda estará determinada polos seguintes tramos: renda per cápita familiar ata 3.750 euros obterán unha axuda de 14€/hora; renda per cápita familiar superior a 3.750 euros e ata 7.500 euros, 11€/hora; renda per cápita familiar superior a 7.500 euros e ata 10.000 euros, 9€/hora; e reda per cápita familiar superior a 10.000 euros e ata 13.500 euros ou superior sempre que a renda da unidade familiar non supere os 45.000 euros, 7€/hora.

También te puede interesar