Cultura

O persoal de Bershka decide por unanimidade aceptar o acordo e desconvocar a folga

O cadro de persoal de Bershka na provincia de Pontevedra decidiu por unanimidade en asemblea aceptar o preacordo pactado onte entre e representación sindical e a dirección e desconvocar a folga indefinida iniciada o pasado venres 26 de outubro para denunciar a discriminación laboral con respecto ás compañeiras doutras provincias.

O acordo contempla a incorporación de todas as medidas sociais que reclamaban e avanza na equiparación salarial, xa que Berskha terá que pagarlles 120 dos 130€ en pluses que cobran o persoal da Coruña.

Foi precisamente este último aspecto o que frustrara o acordo na primeira xuntanza celebrada entre as partes, e a piques estivo onte de volver a facelo ante a negativa da empresa a abonarlles o plus de 50€ do que si gozan as traballadoras coruñesas (Bershka si aceptara pagar o plus de 80).

Na primeira reunión as negociadoras da empresa unicamente ofrecían 10€ do plus de 50, pero a determinación das traballadoras, que seguiron coa folga e volveron a mobilizarse diante da sede central de Inditex en Arteixo, fixo que tivesen que sentarse de novo.

As empregadas, pola súa parte, amosaron incluso a súa disposición a aceptar unicamente a metade do plus, 25€ ofrecemento que non foi atendido pola compañía.

Mais no segundo encontro entre Bershka e a representación das traballadoras, celebrado onte e que rematou xa de noite, as partes chegaron finalmente a un preacordo que contempla tanto a aplicación das melloras sociais que reclamaban (vacacións, permisos e excedencias, tempo de descanso, lactancia, conciliación familiar e incapacidade permanente) como abono do plus de 80€, mentres que do de 50 ingresarán un total de 40 euros (30 en 2018 e 10 en 2019).

Este plus permanencia de 80€ ao mes é para todas as traballadoras/es independentemente das xornada que fagan, será de 16 pagas e revisábel o 1,5% anual. Ademais, a empresa comprométese a abonar os atrasos dende o mes de xuño. O plus de empresa queda fixado en 40 euros mensuais para o persoal a xornada máxima, mentres que o resto de xornadas recinirán a parte proporcional. Tamén será en 16 pagas e revisábel o 1,5% anual.

Outras das melloras económicas logradas pasan por un incentivo do 1,6% para as terceiras encargadas, o que supón o recoñecemento da responsabilidade que desenvolven na tenda cunha porcentaxe da venda tal e como perciben as primeiras e segundas encargadas; un abono de 80€ por cada día de asuntos propios (2) non gozado ao longo do ano; e un abono de 150€ por nacemento ou adopción de fillo.

No que respecta ás horas complementarias que as empregadas están obrigadas a facer a pesar de que o 90% ten contrato a tempo parcial, lograron a consilidación como aumento de xornada do 15% do total das que se fagan cada ano no conxunto da provincia, asignando este aumento por criterio de antigüidade. A empresa comprométese a estudar un procedemento de consolidación de xornada para aqueles tramos de entre 30 e 40 horas, de xeito que se adapte á literalidade do convenio, ben mediante unha bolsa de horas de consolidación ou incrementado a xornada durante o período necesario, se ben non se poderá superar o mes consecutivo.

También te puede interesar