RGPD - Cookies
Comarcas

@depo_es impulsa, dende ‘Depo termal 2017’, que esta semana 194 persoas pasen uns días de vacacións nun spa

194 persoas da provincia maiores de 50 anos están a disfrutar dende o pasado domingo  do programa da Deputación de Pontevedra «Depo termal 2017». Este programa ten por obxectivos fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, facilitando o acceso ao turismo de saúde a persoas que doutro xeito non poderían beneficiarse da súa dobre función como período de vacacións e tratamento sanitario. Ademais, «Depo termal» pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

«Depo termal» tamén promove espazos de encontro e intercambio de experiencias, co fin de evitar o illamento das persoas maiores e as situacións de soidade que poidan levar á súa vulnerabilidade. Trátase dunha iniciativa que se desenvolve entre setembro e decembro e da que se benefician 4.000 maiores da provincia, a través de estancias en establecementos termais coa modalidade só diúrna, acudindo diariamente durante cinco días consecutivos, ou con aloxamento completo de domingo a venres.

Así, desde este domingo pasado ata o vindeiro venres 27 de outubro, 146 maiores da provincia de Pontevedra gozarán dunha estancia completa no Hotel Spa Carlos I de Silgar, en Sanxenxo e 48, no Hotel Talaso Atlántico de Oia.

Todos eles e elas proveñen dos concellos de Vigo, Pontevedra, O Porriño, Cangas, Nigrán, Marín, Meis, Tomiño, O Rosal, Baiona, Moaña, Bueu, A Guarda, A Estrada, Gondomar, Redondela, Arbo e Moraña.

Durante este mes, e no que queda de ano, 4.000 maiores de 48 concellos da provincia poderán gozar do programa «Depo termal» a través das súas dúas modalidades. Ao igual que na pasada edición ofértanse prazas gratuítas para persoas en situación ou risco de exclusión social e sen recursos económicos.

También te puede interesar