Vigo al minuto

10.000 persoas da Área Sanitaria de Vigo xa solicitaron cita para vacinarse da gripe dende este luns

10.002 persoas da área sanitaria de Vigo xa teñen solicitada  a súa cita para acudir a vacinarse da gripe nos vindeiros días. A campaña de vacinación antigripal da Consellería de Sanidade que iniciouse hoxe durará dez semanas, polo que Sanidade lembra á cidadanía hai tempo suficiente para facela progresivamente.

Segundo explicou a directora de procesos sen Ingresos e Urxencias da Área Sanitaria de Vigo, Elena Lorenzo “este ano desenvolveremos unha serie de medidas pro activas co obxecto de continuar incrementando os índices de participación na campaña, informando, convencendo e motivando á cidadanía e ao persoal que traballa nos centros sanitarios das vantaxes da vacinación. Ademais, ofreceremos facilidades como o establecemento das axendas de citación especial para a vacinación, ou o achegamento do persoal sanitario aos centros de día para propoñer as vacinas aos maiores e evitarlle os desprazamentos aos centros de saúde.”

Outras das medidas xerais que se levarán a cabo será o reforzamento na área de Vigo das chamadas telefónicas ao grupo de risco conformado polos maiores de 65 anos. Así, os profesionais de Enfermería de Atención Primaria promocionarán a vacinación mediante un consello telefónico dirixido á poboación de entre 65 e 74 anos dos seus respectivos cupos, para explicarlles as vantaxes da vacina.

Das 7.245 chamadas realizadas o pasado ano so aceptou vacinarse un 12,22%. Sen embargo, no conxunto de Galicia, Vigo acadou o 23% de vacinacións tras estas chamadas, das 31.000 realizadas en Galicia.

Máis cobertura vacinal do persoal sanitario

Na área sanitaria de Vigo administráronse na pasada campaña de 2016 un total de 88.800 doses antigripais. Desa cifra, 60.722 correspondéronse a maiores de 65 anos, polo que se acadou unha cobertura do 52% da poboación diana (na campaña do ano 2015, foi dun 50%).

Así mesmo, a porcentaxe provincial de traballadores sanitarios -persoal médico e persoal de Enfermería- vacinados acadou unha cobertura vacinal global do 28%, mentres que na campaña do 2015 fóra dun 20%.

Concretamente, nos centros de Atención Primaria a cobertura de vacinación antigripal acadada polos profesionais da área sanitaria viguesa foi dun 40%, mentres que na campaña de 2015 fóra dun 34%.

No que atinxe á Atención Especializada, a cobertura vacinal dos traballadores da Área Sanitaria de Vigo acadou o pasado ano 2016 un 22%, o que supón un incremento de 8 puntos porcentuais con respecto ao dato de 2015.

143 puntos de vacinación

Na área de  Vigo, a campaña de vacinación antigripal conta con 143 puntos de vacinación, repartidos entre centros de saúde e consultorios, centros hospitalarios públicos, hospitais e consultas médicas privadas; as residencias e centros para a terceira idade; as unidades asistenciais de drogodependencias; e os centros de atención a discapacitados.

Un ano máis, o principal obxectivo desta campaña é minimizar o impacto en saúde da gripe na poboación galega mediante a vacinación, tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela.

De esquerda a dereita , a coordinadora de enfermaría do centro de saúde da R/Cuba, Josefa Flores; a directora de Procesos sen Ingresos e Urxencias, Elena Lorenzo, e a xefa de servizo do centro de saúde de R/Cuba, Margarita Nuñez

Poboación diana

A campaña de vacinación fronte a Gripe 2017 diríxese a todas as persoas con 60 ou máis anos e ás persoas de 6 meses a 59 anos que pertenzan a algún grupo de risco. Aquí estarían incluídas ás persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; persoas con enfermidades metabólicas crónicas (diabetes) ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -a partir de 6 meses- con tratamentos prolongados de aspirina; persoas con obesidade mórbida; e mulleres embarazadas.

Tamén se inclúen na poboación diana os grupos que poden transmitir a gripe a outras persoas de alto risco -como traballadores de centros sanitarios ou residencias- así como persoas que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros.

Ao igual que o ano pasado, a Consellería de Sanidade conta cunha web –http://gripe.sergas.gal– con información técnica e de xestión para profesionais sanitarios e con aspectos prácticos para a cidadanía.

También te puede interesar