Comarcas Vigo al minuto

Este luns pecha ao tráfico o Corredor do Morrazo entre Rande e Meira que xa non abrirá ata maio

O corredor do Morrazo manterase pechado ao tráfico dende este luns, día 9 de outubro, entre Rande e Meira para executar as obras de desdobramento do túnel de Montealegre e preservar integramente o castro. Este corte prolongarase ata o vindeiro mes de maio, data na que os dous treitos pechados xa abrirán ao tráfico con características de autovía.

No pasado mes de xuño o Goberno de Galicia e os Concellos de Cangas, Moaña e Bueu acordaron variar o trazado da autovía para preservar o castro de Montealegre, o que implica a realización deste peche. Neste sentido, os estudos técnicos realizados pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) certificaban a viabilidade de ampliar o túnel de Montealegre, en lugar de facer un segundo para construír a autovía.

Para levar a cabo as voaduras necesarias no treito III da autovía, a Xunta tamén optará por unha solución que evitará o corte total de tráfico dun mínimo de 2 meses previsto inicialmente. Esta alternativa consistirá nun desvío provisional na zona onde é preciso realizar estes traballos.

Reforzo do transporte público

A Xunta, “co obxectivo de minimizar as incomodidades e molestias que suporá este corte de tráfico no corredor”, vén de reforzar as frecuencias do transporte marítimo de ría ou o servizo de ambulancia no Morrazo.

No que se refire aos horarios dos barcos que comunican Vigo e Moaña, de luns a venres increméntanse cinco frecuencias nas saídas de Moaña, ofrecendo a maiores rutas ás 6, 7.30, 8.30, 19.30 e 20.30 horas. Nas saídas de Vigo tamén se aumentarán outras cinco frecuencias, podendo acceder tamén ao barco ás 6.30, 8, 9, 20 e 21 horas.

Os sábados, engadiranse unha ruta ás 15 horas, con saída de Moaña, e outra ás 15.30, con saída de Vigo. Este servizo tamén se reforza os domingos, xa que os usuarios disporán de novos horarios para as saídas de Moaña, ás 12 e 19 horas, e de Vigo, ás 12.30 e 19.30 horas.

También te puede interesar